Tema 2 · Números reais← Todas as webs

Supremo e ínfimo

Un número $s$ é o supremo dun conxunto $A\subset\mathbb R$ limitado superiormente se é un maiorante de $A$ e ningún número menor o é. Equivalentemente:

$s=\sup A \iff$ (i) $x\le s$ para todo $x\in A$, e (ii) para todo $\varepsilon>0$ existe $x\in A$ con $x>s-\varepsilon$.

Se ademais $s\in A$, dicimos que é o máximo. Analogamente defínense o ínfimo e o mínimo. Cada punto do debuxo é un elemento $a_n$ do conxunto, situado á altura do seu valor.

Que observar

  1. Por pequeno que sexa $\varepsilon$, sempre aparece algún elemento na banda $(s-\varepsilon,s]$: iso é a condición (ii). Canto menor é $\varepsilon$, máis lonxe pode estar o primeiro elemento que entra.
  2. Se o supremo pertence ao conxunto, a banda sempre contén ese elemento, para calquera $\varepsilon$.
  3. No último exemplo todos os elementos son racionais (truncamentos decimais de $\sqrt2$) pero o supremo, $\sqrt 2$, non é racional: en $\mathbb Q$ ese conxunto non tería supremo. É o axioma do supremo o que distingue $\mathbb R$ de $\mathbb Q$.

Material complementario do libro Cálculo I. No libro: Tema 2, sección «Introdución aos números reais».