← Todas as webs Lóxica e álxebra · O signo igual e as ecuacións

O signo igual é unha balanza

Moitas crianzas leen o signo = como unha orde: «calcula e escribe o resultado». Por iso en 8 + 4 = □ + 5 escriben 12. Pero o signo igual di outra cousa: que os dous lados valen o mesmo, coma os dous pratos dunha balanza en equilibrio.

cambia o número da caixa con + e − · mira cara a onde se inclina · proba un exercicio novo · xoga a verdadeiro ou falso

Que observar

  1. Con 12 na caixa, a balanza cae cara á dereita: 12 + 5 = 17 pesa máis ca 8 + 4 = 12. A resposta «12» é coherente cunha idea do igual que se aprendeu durante anos vendo só contas como 3 + 5 = 8, co resultado sempre á dereita.
  2. Hai dous significados do igual: o operacional («dá», «fai») e o relacional («vale o mesmo que»). Para as ecuacións fai falta o segundo; a balanza fai visible esa relación sen palabras.
  3. Outro erro frecuente é sumar todos os números (8 + 4 + 5 = 17). Na balanza tamén se ve: con 17 na caixa, a dereita pesa 22.
  4. Pódese resolver sen calcular os dous lados: 5 é un máis ca 4, así que a caixa ten que ter un menos ca 8. É pensamento relacional, a ponte cara á álxebra.
  5. Igualdades como 9 = 9 ou 12 = 5 + 7 desconcertan («non hai conta!», «o resultado vai á dereita!»), e por iso son boas para debater: hai a mesma cantidade nos dous lados?

Na aula

  • Escribe 8 + 4 = □ + 5 no encerado e recolle as respostas sen corrixir. Despois proxecta a balanza co 12 e deixa que a inclinación fale.
  • Con regretas ou torres de cubos, que constrúan os dous lados e comproben se miden o mesmo antes de usar a web. A balanza é a mesma idea.
  • En modo aula, xogade a «verdadeiro ou falso»: cada crianza vota cos dedos (un, verdadeira; dous, falsa) antes de soltar a balanza, e quen cambie de opinión explica por que.

En man común · webs interactivas para ensinar matemáticas en Primaria.