É maior 0,3 ou 0,25?
«0,25 é maior porque 25 é maior que 3.» É o erro máis estudado dos decimais: ler as cifras despois da coma coma se fosen un número natural. Pero o 3 son décimas e o 25 son centésimas. Escrito con centésimas, 0,3 = 0,30, e 30 centésimas son máis ca 25.
escribe ou move os dous números · mira a recta e a cuadrícula · amplía o tramo das décimas
Que observar
- Na cuadrícula, cada columna é unha décima e cada cadradiño unha centésima. 0,3 son tres columnas enteiras; 0,25 son dúas columnas e media. Tres columnas ocupan máis.
- Escribir 0,3 como 0,30 non cambia o número: só o di con centésimas. Así os dous números quedan en anacos do mesmo tamaño, como cando se buscan fraccións co mesmo denominador.
- Hai unha trampa oposta que aparece despois de corrixir a primeira: «0,4 é maior ca 0,45 porque as centésimas son pequenas». As centésimas son máis pequenas, pero hai máis. As dúas regras son falsas: manda o valor de cada posición, comparando de esquerda a dereita.
- Ao ampliar o tramo vese que entre 0,2 e 0,3 hai outros nove números con dúas cifras (0,21…0,29), e entre eles, aínda máis. Moitas crianzas cren que entre 0,2 e 0,3 non hai nada, coma entre 2 e 3.
Na aula
- Saltos en Educación Física: Antía salta 1,2 m e Xián 1,15 m. Quen saltou máis? Medilo cunha cinta métrica (1,20 m) resolve a discusión.
- En modo aula, escribe parellas como 0,4 e 0,45 ou 0,09 e 0,1 e que voten quen é maior antes de ver a cuadrícula.
- Pintar en papel cuadrículas de 10 × 10 cos dous números e recortalas para poñelas unha enriba da outra.
En man común · webs interactivas para ensinar matemáticas en Primaria.