Por que sae tanto o 7?
Un dado ten seis caras igual de probables. Pero se tiras dous e sumas, as once sumas posibles (do 2 ao 12) non saen igual de a miúdo. A intuición adoita dicir o contrario, e é unha das ideas de probabilidade que máis custa a todas as idades.
tira os dados · preme nunha barra ou escolle unha suma para ver os seus camiños
o que saíuo que cabe esperar (casos de 36)
Última tirada
Que observar
- Hai 36 combinacións igual de probables (6 do dado verde por 6 do laranxa), pero só 11 sumas. O 7 aparece en 6 casas da táboa (1+6, 2+5, 3+4, 4+3, 5+2, 6+1); o 2 e o 12, nunha soa. Por iso a probabilidade do 7 é 6/36 = 1/6 e a do 2 é 1/36.
- Con poucas tiradas a gráfica é caprichosa e calquera suma pode ir en cabeza. Con 1000 tiradas as barras achéganse ao «tellado» 1, 2, 3, 4, 5, 6, 5, 4, 3, 2, 1: a frecuencia relativa estabilízase arredor da probabilidade.
- O erro máis común é contar 3+4 e 4+3 como un só caso. Os dous dados teñen cor distinta xustamente para que se vexa que son dúas maneiras diferentes de sacar un 7.
- Na táboa, as casas co mesmo resultado forman diagonais: a do 7 é a máis longa. Mirar a táboa é contar os camiños sen ter que tirar.
Na aula
- Antes de tirar, que cada crianza aposte por unha suma e o escriba. As apostas xa son datos: canta xente escolle o 12?
- Tirade dados de verdade en parellas durante cinco minutos e anotade as sumas nunha táboa común. Despois úsase esta web para facer 1000 tiradas en dez segundos e comparar.
- En modo aula, proxecta a táboa de 36 casas e pide que sinalen todas as maneiras de sacar un 8. A pregunta «por que o 1 non gaña nunca?» abre a conversa.
En man común · webs interactivas para ensinar matemáticas en Primaria.