← Todas as webs Datos e azar · Azar e probabilidade

Moitas veces: a frecuencia que se estabiliza

Unha moeda ten probabilidade 1/2 de saír cara, pero en dez tiradas poden saír dúas caras ou oito. A probabilidade non di que pasará en poucas tiradas: di arredor de que valor se vai asentar a frecuencia cando se tira moitas veces. E hai un erro contrario que tamén custa desfacer: crer que o azar «compensa».

tira 1, 10, 100 ou 1000 veces · fai varias series á vez · compara as liñas co valor teórico

Que observar

  1. Ao principio as liñas dan saltos enormes: despois dunha tirada a frecuencia vale 0 ou 1. Despois de 1000 tiradas, unha máis só a pode mover como moito 1/1001, unha milésima. Por iso as series empezan moi separadas e despois achéganse á liña teórica.
  2. Achegarse non é chegar. A frecuencia relativa segue movéndose arredor da probabilidade sen quedar quieta nela. O que se pode dicir (a lei dos grandes números) é que, con moitas tiradas, é moi probable estar preto; non que saia exacto, nin cando.
  3. O erro contrario é a falacia do xogador: tras catro caras seguidas, «agora toca cruz». A moeda non ten memoria: a seguinte tirada segue a ser 1/2. Mira a táboa: o número de caras menos as esperadas non tende a cero, e mesmo pode medrar. O que se fai pequena é a diferenza relativa: os excesos non se corrixen, dilúense entre moitas tiradas novas.
  4. Con poucas tiradas non se pode concluír que un dado estea trucado. Sacar 14 ou máis seises en 60 tiradas pasa cun dado bo unhas 11 veces de cada 100.
  5. É razoable que as crianzas esperen resultados «equilibrados» en poucas tiradas: confunden o que pasa a longo prazo co que debería pasar agora. Ver moitas series á vez axuda a separar as dúas ideas.

Na aula

  • Cada parella lanza unha moeda 20 veces e anota as caras. Ao xuntar os resultados de toda a clase, a frecuencia común achégase máis a 1/2 ca a de case todas as parellas.
  • Despois dunha racha de caras, antes de premer «Tirar 1», fai votar: «que sairá agora?». Recolle os argumentos do tipo «toca cruz» e compárao co que pasa.
  • En modo aula, proxecta cinco series de 10 tiradas (que distintas!) e despois engade 1000: case iguais. Pregunta quen podía saber o resultado final mirando só as dez primeiras.

En man común · webs interactivas para ensinar matemáticas en Primaria.