← Todas as webs Datos e azar · Estatística

A media é un reparto

Na escola a media apréndese como unha conta: sumar e dividir. Pero antes ca unha conta é unha idea de xustiza: xuntar todo o que hai e repartilo por igual. Quen só coñece a conta adoita estrañar que a media sexa 3,6 cubos, ou que un só dato moi grande a arrastre tanto.

sube e baixa as torres · preme nivelar · engade un dato extremo e mira que liña se move

Que observar

  1. Ao nivelar, o total non cambia: os cubos só pasan dunha torre a outra. Por iso media × número de torres = total, e a media é o que lle tocaría a cada torre nun reparto xusto.
  2. A media non ten por que ser un dos datos, nin sequera un número enteiro. Con 4, 2, 5, 3 e 4 hai 18 cubos: 3 para cada torre e sobran 3, que se parten en 5 anacos. A cada torre tócanlle 3 + 3/5 = 3,6. Ningunha torre medía 3,6.
  3. O tramado de riba da media enche exactamente os ocos de debaixo: o que sobra é igual ao que falta. Esta é a segunda cara da media, o punto de equilibrio: as distancias por riba e por debaixo compénsanse.
  4. Un dato extremo arrastra a media: ao engadir unha torre de 12 aos datos iniciais, a media pasa de 3,6 a 5, máis alta ca todas as torres menos unha. A mediana só mira quen queda no medio e segue en 4. Por iso os salarios ou os tempos descríbense mellor coa mediana.
  5. O erro típico coa mediana é coller o dato do medio sen ordenar. Ordena as torres e verás que a mediana é a torre central (ou o punto medio entre as dúas centrais).

Na aula

  • Con cubos encaixables de verdade, cada crianza fai unha torre (por exemplo, tantos cubos como letras ten o seu nome) e o grupo reparte ata que todas son iguais. Despois compróbase aquí.
  • Antes de nivelar, pide que sinalen con man ou cunha regra onde quedará a altura común. A liña da media é unha predición que se pode comprobar.
  • En modo aula, propón un reparto que non sae exacto (17 cubos en 5 torres) e pregunta que facemos cos que sobran. «Partilos coma unha pizza» é a porta das fraccións e dos decimais.

En man común · webs interactivas para ensinar matemáticas en Primaria.