Debuxar o problema: modelos de barras
Moitas crianzas resolven os problemas buscando unha palabra clave: «máis» quere dicir sumar, «menos» quere dicir restar. Funciona en moitos problemas sinxelos e falla xusto nos que importan. Debuxar cada cantidade como unha barra fai visible a estrutura, e a operación lese no debuxo, non na palabra.
escolle un problema · cambia os números · decide se sumas ou restas · revela a solución
Que observar
- As regras do modelo son poucas: cada cantidade é unha barra, as cantidades iguais debúxanse iguais e o que non se sabe leva «?». Unha vez debuxado, a operación sae soa: se o «?» é a barra enteira, súmase; se é un anaco, réstase.
- O caso traizoeiro: «Ana ten 5 cromos máis ca Brais; Ana ten 12; cantos ten Brais?». Moitas crianzas fan 12 + 5 = 17 porque «máis» soa a sumar. No debuxo vese que a barra longa é a de Ana e que a de Brais é un anaco dela: 12 − 5 = 7.
- O erro é razoable: a estratexia da palabra clave acerta en case todos os problemas dos primeiros cursos, onde o texto conta unha acción na mesma orde ca a conta. Falla cando a palabra describe unha relación e non unha acción, ou cando o descoñecido é o comezo («perde 5 e quédanlle 8»).
- Os problemas que se resolven coa mesma operación non son igual de difíciles. Pesan a estrutura (combinar, cambiar, comparar) e o lugar do «?»: preguntar polo final é doado; polo comezo, ou polo referente dunha comparación, custa moito máis.
- Comparar é a estrutura máis abstracta: non pasa nada, só hai dúas cantidades que existen á vez. Por iso convén debuxar as dúas barras aliñadas á esquerda e marcar o anaco que sobresae.
Na aula
- Dramatiza antes de debuxar: dúas crianzas diante da clase cos cromos na man. Quen ten máis? Canto máis? Despois, as barras no encerado.
- Dá só o debuxo, sen texto, e pide que inventen un problema que lle corresponda. Cada tipo de barra admite varias historias.
- En modo aula, proxecta o problema de Ana e Brais e fai votar «sumar ou restar?» antes de revelar. As que votaron sumar teñen unha boa razón: escóitaa e despois debuxade.
En man común · webs interactivas para ensinar matemáticas en Primaria.