← Todas as webs Número e operacións · Decimais, porcentaxes e proporcionalidade

Sobe un 20 %, baixa un 20 %

Unha porcentaxe sempre é dunha cantidade. Cando se encadean dous cambios, o segundo calcúlase sobre o que hai despois do primeiro, non sobre o prezo de partida. Por iso subir un 20 % e baixar un 20 % non deixa o prezo igual, e dúas rebaixas do 20 % non fan un 40 %.

escribe un prezo · escolle se cada paso sobe ou baixa · move as porcentaxes · proba os casos típicos

Que observar

  1. No segundo paso, a barra que se reparte en dez anacos xa non é a de 100 €: é a de 120 €. O 20 % de 120 son 24 €, máis do que se engadira. Por iso 100 → 120 → 96: sobra a pregunta clave, «o 20 % de que?».
  2. Pensar en factores simplifica todo: subir un 20 % é multiplicar por 1,20 e baixar un 20 % é multiplicar por 0,80. Dous cambios seguidos son un produto: 1,20 × 0,80 = 0,96, un 4 % menos. E como o produto é conmutativo, a orde dos pasos non cambia o final.
  3. Dúas rebaixas do 20 % dan 0,80 × 0,80 = 0,64: págase o 64 % e o desconto total é do 36 %, non do 40 %. A segunda rebaixa morde unha cantidade máis pequena.
  4. Subir e baixar a mesma porcentaxe p sempre fai perder: (1 + p)(1 − p) = 1 − p². Co 20 %, 0,2² = 0,04 (o 4 %); co 50 %, 0,25 (de 100 a 75).
  5. O erro de sumar as porcentaxes (+20 − 20 = 0) é razoable: con cantidades en euros, sumar e restar si funciona. O que falla é tratar «un 20 %» coma se fose unha cantidade fixa.

Na aula

  • Pregunta antes de tocar nada: «unha tenda sobe un 20 % e despois baixa un 20 %; quedamos igual?». Que cada crianza escriba si ou non e logo comprobádeo co caso «Sobe 20 %, baixa 20 %».
  • Con tiras de papel de dez anacos, cortade o 20 % dunha tira de 120 e comparádeo co 20 % dunha de 100. A web fai o mesmo coa barra.
  • En modo aula, proxecta «Dúas rebaixas do 20 %» e pide que adiviñen o desconto total antes de mirar o resultado. Despois, que inventen un cartel de rebaixas que diga a verdade.

En man común · webs interactivas para ensinar matemáticas en Primaria.