Facer cadrado un rectángulo
Precisas unha raíz cadrada cada vez que coñeces unha área e queres unha lonxitude: o lado dun cadrado de área N é √N. Construír un cadrado de área N é difícil, pero un rectángulo de área N é doado: se un lado mide x, o outro mide N/x. A idea babilónica é ir facendo ese rectángulo cada vez máis cadrado.
escolle a área e o lado inicial · preme «seguinte paso» · mira como medran as cifras correctas
rectángulo actual (área N)o do paso anteriorcadrado de área N
Que observar
- Se o rectángulo non é cadrado, un lado é máis curto ca √N e o outro máis longo: se os dous fosen máis curtos, a área non chegaría a N. A raíz queda atrapada entre os dous lados, e a media é unha boa aposta para o novo lado.
- Para √2 partindo de 1, as cifras correctas son 1, 3, 6, 12…: aproximadamente se duplican en cada paso. Tres pasos con fraccións sinxelas (3/2, 17/12, 577/408) xa dan máis precisión da que se pode medir cunha regra.
- Desde o primeiro paso, a media queda sempre un pouco por riba da raíz, porque ((x + N/x)/2)² − N = ((x − N/x)/2)², que nunca é negativo. O exceso é minúsculo cando os dous lados xa se parecen.
- O erro máis común en Primaria é confundir a raíz coa metade (dicir que √36 = 18). É razoable, porque «desfacer» unha operación soa a dividir. Pensar no lado dun cadrado de 36 cadradiños desfai a confusión: 6 × 6, non 18 × 18.
- Hai unha tablilla babilónica (a YBC 7289, de entre o 1800 e o 1600 a. C.) cun cadrado, as súas diagonais e o valor 1;24,51,10 en base 60, que coincide con √2 nas seis primeiras cifras. Herón de Alexandría describiu o método por escrito no século I.
Na aula
- «Con 36 cadradiños, cal é o cadrado máis grande que podo facer? E con 50?». Con 50 sae un de 7 × 7 e sobra un: a raíz de 50 está entre 7 e 8, moi preto de 7.
- Con N = 36 e lado inicial 4, a clase calcula a media de 4 e 9 (6,5) e debuxa o novo rectángulo en papel cuadriculado. Despois compróbase aquí e repítese.
- En modo aula, cada crianza multiplica x por x coa calculadora despois de cada paso: canto lle falta para dar N? A diferenza que se encolle é o que convence.
En man común · webs interactivas para ensinar matemáticas en Primaria.