Repartir ou facer grupos
Dividir quere dicir dúas cousas moi distintas. Con 23 fichas, repartir en 4 montóns pregunta cantas tocan a cada montón; facer grupos de 4 pregunta cantos grupos saen. As mans fan accións diferentes e custa ver que a conta é a mesma, 23 : 4, co mesmo cociente e o mesmo resto.
escolle as fichas e o divisor · reparte ou agrupa ficha a ficha · compara o cociente e o resto
Que observar
- Ao repartir coñecemos cantos montóns hai e buscamos cantas fichas ten cada un: 4 × ? = 23. Ao facer grupos coñecemos o tamaño de cada grupo e buscamos cantos saen: ? × 4 = 23. Falta un factor distinto, pero como 4 × 5 = 5 × 4, a resposta é a mesma.
- As accións non se parecen: repartir é dar «unha para ti, unha para ti…» por voltas; facer grupos é ir enchendo bolsas de 4. Por iso moitas crianzas non recoñecen que as dúas son división, e só chaman «dividir» ao reparto.
- O resto son as fichas que quedan no monte cando xa non chegan para outra volta (repartir) nin para outro grupo enteiro (agrupar). Sempre é menor que o divisor: 0 ≤ 3 < 4. Se fose 4 ou máis, aínda se podería seguir.
- Facer grupos é restar repetidamente o mesmo número (23 − 4 − 4 − 4 − 4 − 4 = 3: cinco veces) e conecta coa medida, «cantas veces cabe o 4 no 23?». O reparto, en cambio, é a porta das fraccións.
- Con menos fichas ca montóns (por exemplo, 3 fichas en 4 montóns) non se completa ningunha volta: cociente 0 e resto 3. É un caso que desconcerta e paga a pena velo.
Na aula
- Conta un problema de cada tipo coa mesma conta («20 castañas entre 4 amigas» e «20 castañas en bolsas de 4») e que o representen con fichas de verdade antes de miralo aquí.
- En modo aula, preme «Volver ao monte» e pide que predigan cantas fichas haberá en cada montón e cantos grupos sairán. Despois, «Unha ficha máis» ata comprobalo.
- Busca con elas números de fichas que non deixen resto ao facer grupos de 4. Que teñen en común? (Son os da táboa do 4.)
En man común · webs interactivas para ensinar matemáticas en Primaria.