← Todas as webs Número e operacións · Contar e escribir números

O cero garda o sitio

No sistema de numeración que usamos, unha cifra vale distinto segundo o lugar que ocupa. Cando nun lugar non hai nada, hai que escribilo igual: iso é o cero. Por iso «trescentos cinco» se escribe 305 e non 35, e tampouco 3005, que é como soa.

pon e quita fichas en cada vara · le o número de tres maneiras · proba o ditado · mira que pasa se esqueces o cero

Que observar

  1. A mesma ficha vale 1, 10, 100 ou 1000 segundo a vara onde estea. O número é a suma deses valores: 305 = 3 × 100 + 0 × 10 + 5 × 1. A cifra 3 de 305 e a de 35 son iguais; o que cambia é o lugar.
  2. Unha vara baleira entre outras con fichas escríbese cun 0. Se o esqueces, as cifras corren cara á dereita e cambian de valor: 305 convértese en 35. As varas baleiras da esquerda, en cambio, non se escriben (dicimos 305, non 0305).
  3. O erro de escribir 3005 por «trescentos cinco» (ou 10035 por «cento trinta e cinco») non é un despiste: a lingua oral é aditiva (300 e 5) e a crianza escribe o que oe, pegando os números redondos que xa coñece. A escrita é posicional: os ceros do 300 son lugares que se ocupan con outras cifras.
  4. Ler o número de tres maneiras a un tempo (cifras, descomposición e palabras) é o que fai visible a regra. Cando unha das tres non casa coas outras, aí está a dificultade.

Na aula

  • Ditado ao revés: unha crianza fai un número no ábaco de verdade e a clase escríbeo; despois dino en voz alta. Os números con varas baleiras (305, 1060, 2005) son os que máis dan que falar.
  • En modo aula, usa o ditado: le o número en voz alta, deixa que o fagan nos seus ábacos ou en táboas de posición e despois que alguén o constrúa na pantalla e prema «Comprobar».
  • Cando apareza un 3005 nun caderno, non o corrixas: pídelle que o poña no ábaco e que o lea. Ao ver tres fichas na vara dos millares, o erro explícase só.

En man común · webs interactivas para ensinar matemáticas en Primaria.