Este espazo reúne artigos publicados en distintos medios de comunicación sobre temas moi variados: desde a pedagoxía e a avaliación educativa ata a universidade, a ciencia, a cultura ou a sociedade. Son reflexións escritas ao fío da actualidade, pero tamén da experiencia acumulada nas aulas, na investigación e no contacto coa comunidade educativa: infantil, primaria, ESO, bacharelato e universidade.
Máis que ofrecer respostas definitivas, estes textos pretenden abrir camiños para a reflexión, fomentar o diálogo e contribuír modestamente á construción dun pensamento informado e crítico.
Política educativa e universitaria
Auditar o que non se financia
Praza Pública, 4 de setembro de 2026
A reforma anunciada da Lei 6/2013 introduce auditoría externa anual obrigatoria nas universidades galegas e habilita os consellos sociais para instaren plans de reequilibrio. Ninguén pode defender a opacidade, pero convén precisar que o control externo non nace agora: o Consello de Contas xa fiscaliza o SUG e foi o propio Consello Social da UDC quen encargou a auditoría que destapou o problema. O delicado é que o informe abranga a eficiencia da xestión, é dicir, decisións académicas con tradución orzamentaria. Analizo tamén a xurisprudencia constitucional e conclúo que o dereito protexe o cumprimento do pactado, non o nivel do pacto: se a auditoría é obrigatoria e anual, que o sexa tamén o compromiso de financiamento.
Los conciertos educativos en pleno invierno demográfico: cuando la excepción se convierte en la regla
El País, 3 de agosto de 2026
Reflexiono sobre a continuidade dos concertos educativos nun contexto marcado pola forte caída da natalidade e pola conseguinte redución do alumnado. Un instrumento concibido para complementar a rede pública cando esta non dispoñía de prazas suficientes corre o risco de converterse nunha estrutura permanente, mesmo desaparecidas as circunstancias excepcionais que xustificaron a súa creación. Se diminúe o número de estudantes e a oferta concertada se mantén practicamente intacta, o axuste recae sobre os centros públicos: peche de aulas, supresión de unidades, redución de persoal. Non se trata de cuestionar a liberdade das familias, senón de decidir cal é o uso máis eficiente e equitativo dos recursos públicos.
Camas contadas: a universidade pública que non sabe onde durmir
Nós Diario, 8 de xullo de 2026
Cantas camas con prezos públicos existen no Sistema Universitario de Galicia? A pregunta parece menor e non o é: o aloxamento condiciona quen pode estudar, onde e en que condicións, e ten repercusión a moitos niveis, desde a equidade no acceso ata a vertebración das cidades universitarias. Abonda con que llo conten a quen ten que buscar cuarto en calquera das nosas sete cidades para comprobar que a oferta pública é moi limitada. Reclamo, en definitiva, datos claros e unha política de residencias á altura do que se lle pide hoxe á universidade pública.
Acceso á universidade
Selectividad: estandarizar la pluralidad para mejorar la Secundaria (y de paso los resultados en PISA)
El País, 16 de setembro de 2026. Con José Ángel de Toro e Elena Gajate
Os malos resultados do informe PISA esixen medidas, e propoñemos comezar por reformar a avaliación que máis condiciona o ensino secundario: a PAU, que polo efecto washback moldea o bacharelato con máis forza ca as sucesivas leis educativas. A crítica ten que empezar por quen deseñamos as probas, porque unha innovación percibida como máis esixente pode prexudicar o alumnado propio fronte ao do resto do Estado e, ante ese risco, escóllese case sempre a opción segura: exames previsibles e unha inflación de cualificacións que convive cun escaso 4 % de alumnado de alto rendemento en PISA. A saída non é impoñer un exame único, incompatible cun sistema de competencias transferidas, senón expresar as notas de admisión pola posición relativa (por percentís) dentro do mesmo exame e da mesma convocatoria. Liberadas do medo a prexudicar os seus, as comisións poderían deseñar probas máis variadas e competenciais: así a pluralidade achegaría riqueza e non agravios.
Más allá de la nota: un sistema de percentiles para eliminar los agravios entre autonomías en la selectividad
El País, 28 de abril de 2026. Con José Ángel de Toro e Elena Gajate
Propoñemos unha reforma do acceso á universidade baseada no uso de percentís, co obxectivo de reducir as desigualdades derivadas de que cada comunidade autónoma realiza exames distintos na PAU. Non parece plenamente xusto comparar cualificacións obtidas en probas que non teñen o mesmo nivel de dificultade: o criterio principal debería ser a posición relativa de cada estudante dentro do seu territorio. Estudantes situados nun mesmo percentil serían considerados equivalentes aínda que as súas notas numéricas diferisen. É unha solución tecnicamente sinxela e estatisticamente sólida, coherente con outros procesos selectivos que xa empregan estandarizacións semellantes.
O artigo tivo unha ampla repercusión e remitimos un informe ao Ministerio. [Retranca on] sería por saír no Marca? Foi a segunda vez; a anterior, relacionada coas predicións que fixeramos para a pandemia de COVID-19.
Unha proposta de admisión nas universidades públicas baseada na estandarización de cualificacións
Eduga
Presentamos unha proposta para facer máis equitativo o acceso ás universidades públicas mediante a estandarización das cualificacións da PAU. Partimos da constatación de que estudantes de distritos e comunidades diferentes compiten polas mesmas prazas malia realizar probas distintas, o que introduce desigualdades difíciles de xustificar estatisticamente. A proposta mantén intactas as cualificacións de quen accede no seu propio distrito e introduce mecanismos de recálculo cando a admisión se produce entre territorios ou convocatorias diferentes. Este texto foi o xermolo da liña de traballo que despois cristalizou no modelo baseado en percentís.
Ciencia, tecnoloxía e sociedade
A intelixencia artificial e o regreso do xene egoísta
Praza Pública, 18 de setembro de 2026
Dous episodios de xullo de 2026 —un modelo de OpenAI que insistiu ata atopar unha vulnerabilidade e publicar en GitHub, e tres execucións de Claude que, por un erro de configuración, chegaron a sistemas reais— adoitan lerse en clave de rebelión da máquina. Propoño lelos con Dawkins e Dennett: non fai falla que un sistema queira escapar para que escapar resulte instrumentalmente útil; abonda cun obxectivo, tempo e un contorno con fisuras. É egoísmo funcional sen ego, competencia sen comprensión. E a selección non a fai a natureza: premiamos os modelos que perseveran, improvisan e usan ferramentas, e despois sorprendémonos de que atopen a saída. O axente real non é o modelo, senón o conxunto de modelo, ferramentas, permisos e supervisión, dentro dun sistema económico que privatiza beneficios e socializa riscos. O perigo non empeza cando a máquina di «quero vivir», senón cando lle dicimos «non te deteñas» e esquecemos comprobar onde acaba o seu mundo.
Educación, aprendizaxe e avaliación
Unha casa con libros ou as catrocentas palabras
Nós Diario, 14 de setembro de 2026
Os resultados de PISA 2025 amosan unha caída da comprensión lectora que non foi uniforme: o rendemento baixou con máis forza nos ítems que empregaban textos longos e, por tipo de tarefa, nos que esixían avaliar e reflexionar, mentres a proporción de lectura apresurada case se duplicaba. Repaso tamén a investigación sobre papel e pantalla, que segue dando vantaxe ao impreso en condicións de tempo limitado e con textos informativos. Pero o dato que máis me interesa é outro: cada chanzo na escala de libros dispoñibles no fogar asóciase a case once puntos máis, descontados xa os factores socioeconómicos, cunha distancia que vai dos 366 aos 499 puntos entre os extremos. O problema, daquela, non é só escolar: unha casa con libros adoita ser unha casa onde alguén le e onde ler é unha cousa normal.
Quen ten os «mellores alemáns»? Reflexións sobre a docencia (I)
Faro de Vigo, 8 de setembro de 2026. Con Francisco Javier Fernández Fernández
Partimos dunha frase que case todo o mundo lembra mal: o chiste de Bob Hope tras o Sputnik («os seus alemáns son mellores que os nosos») e a súa inversión hollywoodense en The Right Stuff. Tras verificar a historia real —Paperclip, Osoaviakhim e o feito de que o Sputnik foi obra do programa dirixido por Koroliov—, actualizámola ao presente científico: se o teu revisor ten unha intelixencia artificial máis potente ca túa, estás enfastiado. A revisión por pares era simétrica na ignorancia e deixou de selo, e describimos con retranca os graos desa nova asimetría. Pero adiantamos xa que este é o problema pequeno: o grande está dous andares máis abaixo, nas aulas.
O problema de verdade: a igualdade de oportunidades. Reflexións sobre a docencia (e II)
Faro de Vigo, 9 de setembro de 2026. Con Francisco Javier Fernández Fernández
A asimetría descrita na primeira parte reprodúcese, multiplicada, dentro dunha mesma aula e en tres direccións: entre estudantes con acceso desigual aos modelos, entre estudantado e profesorado —por primeira vez na historia da universidade, o alumnado pode ter mellores ferramentas ca quen o avalía— e entre universidades con e sen contratos institucionais. O decisivo é que ningunha desas tres desvantaxes se ve: entrégase o mesmo traballo, só que algo peor. Sostemos que o acceso debe ser infraestrutura e non consumo, que a avaliación ten que deseñarse para que a diferenza de ferramenta non sexa a diferenza de nota, e que o profesorado ten que ir primeiro. Cando a vantaxe era un libro construímos bibliotecas; a pregunta é se a universidade seguirá sendo o sitio onde iso non importa.
A máquina non trouxo o problema, senón a luz que o revela
Praza Pública, 14 de agosto de 2026
A irrupción da intelixencia artificial na educación adoita reducirse a dúas preguntas: como evitar as trampas e como levala ás aulas. Ambas esquivan o fondo do asunto. Se unha máquina resolve con éxito as tarefas que veñen premiándose, quizais o problema non sexa a máquina, senón aquilo que se estaba a medir: exercicios previsibles, estandarizados e reducibles a unha resposta correcta. Sosteño que aprender non equivale a producir un resultado correcto, e que a presión das probas de acceso reforza modelos de ensino orientados á reprodución de procedementos. A discusión, ademais, non é só pedagóxica: o traballo invisible de revisión e verificación segue recaendo no profesorado mentres o valor xerado colectivamente se concentra nas grandes plataformas tecnolóxicas.
A escola contra a curiosidade: un sistema que instrúe, pero non educa
Praza Pública, 6 de maio de 2026
Analizo a distancia crecente entre o que a investigación en psicoloxía, neurociencia e ciencias da educación nos di sobre como aprenden as persoas e o funcionamento real do sistema educativo. A curiosidade é o principal motor da aprendizaxe significativa, pero a organización tradicional da escola —transmisión unidireccional, obediencia intelectual e presión da cualificación— tende a desactivala. As preguntas espontáneas percíbense como interrupcións en lugar de constituír o núcleo do proceso. Nun contexto no que a información está ao alcance de calquera e as tarefas mecánicas son cada vez máis automatizables, seguir formando estudantes preparados para superar exames non equivale a formalos para comprender o mundo.
Avaliación competencial
Eduga, nº 91, xaneiro-xuño 2026. Con Sofía Rama Lorenzo e José María Alén de la Torre
Analizamos o significado e as implicacións da avaliación competencial, un dos eixes dos últimos cambios curriculares. Avaliar non debe consistir en comprobar a reprodución de contidos, senón en determinar ata que punto o alumnado mobiliza coñecementos, habilidades e estratexias para resolver problemas reais. Iso esixe tarefas auténticas, evidencias variadas de desempeño e instrumentos que vaian máis alá do exame tradicional, cunha función formativa e non só cualificadora. Concluímos que a avaliación competencial é unha oportunidade para unha educación máis significativa, pero que require formación do profesorado e unha reflexión rigorosa sobre os criterios empregados.
Ensinar matemáticas
Coas matemáticas tamén se xoga
Eduga, nº 91, xaneiro-xuño 2026. Con Olga Patiño Abeixón
Presentamos unha experiencia de divulgación e aprendizaxe matemática baseada no xogo, para amosar que as matemáticas poden aprenderse e gozarse máis alá dos espazos e metodoloxías habituais de aula. O xogo é unha actividade natural, motivadora e intelectualmente esixente, capaz de desenvolver o razoamento lóxico, a creatividade e a toma de decisións. A través de distintas dinámicas mostramos como traballar conceptos relevantes mentres se fomenta a participación activa e o pensamento estratéxico. Reivindicamos así espazos de descubrimento e experimentación que axuden, ademais, a transformar a percepción social dunha disciplina vista con frecuencia como ríxida e inaccesible.
Ars creandi e ars formalis
Eduga, nº 91, xaneiro-xuño 2026
Reflexiono sobre o equilibrio entre dous compoñentes esenciais da educación matemática: a ars formalis, asociada ao rigor, á precisión conceptual e ao dominio das técnicas, e a ars creandi, vinculada á creatividade, á exploración e á capacidade de formular novas preguntas. Algunhas tendencias educativas recentes preséntanas como incompatibles, cando o verdadeiro desafío consiste en integralas: a creatividade necesita coñecementos sólidos sobre os que construír e o formalismo só adquire sentido pleno ao servizo da comprensión. Defendo unha formación que combine pensamento crítico e curiosidade cunha base conceptual robusta, para que o alumnado non só aplique regras, senón que cuestione e cree coñecemento novo.
Matemáticas II competenciais para o día a día na aula
Eduga
Presentamos, desde unha perspectiva colaborativa, unha colección de materiais para Matemáticas II de bacharelato cun enfoque claramente competencial, pensados para facilitar a adaptación ás esixencias derivadas da LOMLOE e aos cambios na PAU. Partimos da convicción de que as competencias non se desenvolven pola repetición mecánica de procedementos, senón a través da análise de problemas vinculados ao mundo real, e por iso conectamos os contidos con cuestións sociais, económicas, ambientais e tecnolóxicas de actualidade. Alén da proba de acceso, o obxectivo é máis amplo: ofrecer exemplos concretos que axuden a integrar a avaliación competencial no traballo diario da aula.
Reflexións logo dos resultados en matemáticas do informe PISA
Eduga, nº 87, xaneiro-xuño 2024. Con Olga Patiño Abeixón e Benjamín Macía Fernández
A partir dos resultados en competencia matemática do informe PISA, e da tendencia á baixa sostida desde 2015, reflexionamos sobre o ensino das matemáticas en todos os niveis, de infantil á universidade. Detémonos primeiro na comprensión lectora e no uso rutineiro das tabletas, que minimiza a lectura, a escritura á man e a verificación da solución, procesos centrais na resolución de problemas. Analizamos despois a formación inicial e permanente do profesorado —moi escasa en matemáticas nos graos de infantil e primaria—, o sistema de acceso aos corpos docentes, cuns temarios practicamente inalterados desde 1993, e as ratios e cargas lectivas. Comparamos coa referencia finesa e rematamos cun conxunto de propostas concretas para cada etapa.
Lingua, demografía e sociedade
Combatamos o declive
La Región, 24 de xuño de 2026
A aparente estabilidade demográfica de Ourense agocha unha realidade moito máis preocupante. Ao analizar a distribución da poboación por idades vese que a provincia perde peso de maneira continuada entre as xeracións máis novas mentres concentra unha proporción crecente de poboación maior, resultado da emigración xuvenil, da falta de relevo xeracional e do debilitamento da estrutura social e económica. Non estamos só ante un envellecemento, senón ante unha transformación que compromete o equilibrio futuro: cada persoa que marcha é un proxecto vital que deixa de desenvolverse aquí. A demografía esixe anticipación e políticas sostidas, porque o declive non entende de ciclos electorais.
Normalizar ou non
Praza Pública, 1 de abril de 2026
Reflexiono, con certa retranca e apoiándome nun pequeno exercicio matemático, sobre as políticas de normalización lingüística en Galicia. Os datos amosan o retroceso do uso habitual do galego, especialmente entre a mocidade, e serven para cuestionar a eficacia das medidas adoptadas nos últimos anos. A través da denominada «Estratexia Institucional de Normalización Cuántica» sosteño que con demasiada frecuencia as accións públicas producen efectos contrarios aos obxectivos declarados, e mostro que a probabilidade de que unha medida resulte realmente beneficiosa para a lingua é moi baixa. A supervivencia do idioma require políticas coherentes: a improvisación e o decorativo agravan a tendencia.